Tuesday 21 de May de 2024

Axendas do Concello de Moeche para os próximos días


Venres 21 de decembro
17.00h. Biblioteca Municipal de Moeche
Contacontos “Que morro!!”
A compañía A trastenda dos contos trae á biblioteca municipal un espectáculo para pasar medo e morrer de risa, para sentir en carne propia as emocións que sempre estiveron presentes nos contos da lareira e nos contos para durmir. Caxoto Contacontos -o condutor da sesión- fará un percorrido polas fontes da tradición oral galega, pola nosa historia, pola dos nosos devanceiros, costumes tradicionais, feitos históricos relevantes… mesmo nos explicará como se moceaba nos tempos dos nosos avós.

A obra chega a Moeche en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. As entradas poden reservarse de forma anticipada a través do 981 404 006 ou collelas na biblioteca a partir das 19.00h. O prezo son 2€, aínda que hai unha bonificación do 50% para menores de 16 anos, maiores de 65 ou persoas posuidoras do Carné Xove.

Sábado 22 de decembro
10 a 13.00h. Rúas de San Ramón e Mercado de Moeche
“Ímoslle cantar ao Nadal”, panxoliñas de aguinaldo
A mañá do sábado da lotaría é día de mercado en San Ramón e tamén día en que a rapazada andará a ganar o aguinaldo polo centro urbano, animando coas súas panxoliñas o seu primeiro día de vacacións do Nadal. O Concello quere recuperar a tradición de cantar polas rúas nestas datas e por iso invita a pequenos e grandes a que se sumen á comitiva que percorrerá tendas e negocios de hostalaría ata rematar na nave do Mercado sobre as 13.00h. Pódense traer instrumentos de todo tipo: pandeiretas, castañolas, chifres, frautas, gaitas… Iso si, fai falla inscrición previa a través do 981 404 006 ou do correo pilar.pazo@moeche.gal. Hai 40 prazas dispoñibles -se é alguén máis tampouco vai pasar nada- e a rapazada menor de 6 anos terá que vir acompañada dunha persoa adulta.

Domingo 23 de decembro
9.00h. Recinto feiral de San Ramón
Feira do 23 en Moeche
Encontro comercial de grande tradición como punto de referencia para a venda de gando e excedentes agrícolas das pequenas explotacións da comarca. Arredor desas actividades históricas artéllase hoxe en día unha feira aberta aos alimentos transformados, as prendas de vestir, os pequenos apeiros de labranza e a artesanía que, xunto coas polbeiras, os postos de churrasco e de churros, manteñen viva a esencia das feiras de antano adaptada aos novos tempos. Ademais, por cadrar en domingo e ás portas do Nadal, o evento seguramente sexa concorrido e máis variado do habitual en canto a oferta.

Mércores 26, xoves 27 e venres 28 de decembro
Varios horarios e lugares
Xornadas de Deporte interxeracional
As vacacións do Nadal son un tempo en que a rapazada anda pola casa sen moito máis que facer que pasar o día xogando ou botando unha man nas tarefas domésticas. Para encherlles o tempo o Concello organiza tres xornadas gratuítas nas que practicar distintos deportes dos considerados como minoritarios e para facelo na compaña dun familiar adulto, como pode ser a nai, o pai ou algún dos avós. As propostas son as seguintes:
Mércores 26: Patinaxe no pavillón municipal, con quendas de mañá entre as 11 e as 12.30h. e de tarde das 19 ás 20.30h.
Xoves 27: Torneo de tiro con arco por parellas, tamén no pavillón, en horario de 11 a 13.00h.
Venres 28: Introdución e perfeccionamento en Pilates. A rapazada fará exercicios moi suaves para descubrir esta actividade, xa que o método Pilates só se recomenda para persoas adultas. Desenvolverase na antiga biblioteca municipal en turno de mañá -de 11 a 12.30h.- e en turno de tarde, das 19 ás 20.30h.
As inscricións nestes obradoiros deben facerse no 981 404 006 ou no correo daniel.feijoo@moeche.gal. O prazo para apuntarse remata ás 14.00h. do venres 21 de decembro.

Sábado 29 de decembro
10.00 a 14.00h. Nave do mercado
1º Aniversario do Mercado de Moeche
Neste derradeiro sábado de 2018 faise exactamente un ano da apertura do mercado semanal dos sábados na antiga nave dos tecidos de San Ramón, un espazo totalmente renovado e equipado para acoller eventos comerciais e tamén culturais. Neste tempo o mercado foi consolidándose pouco a pouco como un referente comarcal onde atopar produtos agroalimentarios frescos e elaborados -horta, froita, queixos, marmeladas, etc-, pan, peixe, artesanía, flor e outros artigos. Todo o necesario, en definitiva, para encher e decorar as mesas por estas datas ou en calquera outro momento do ano.

Nesta edición de primeiro aniversario, o Mercado de Moeche ofrece unha entretida programación paralela cun obradoiro de fabricación de candeas de Nadal e Aninovo -dirixido por persoal da Casa do Mel de Goente-, outro de elaboración de galletas artesás e unha actividade de iniciación á cestaría pensada para a rapazada en colaboración coa asociación Val de Moeche. A participación nos obradoiros é gratuíta e as inscricións deberán facerse no propio recinto.

Ademais, cara ao mediodía tamén haberá unha actuación musical e antes do remate do mercado sortearanse varios agasallos entre as persoas que fixesen algunha compra ao longo da mañá. Ah, e nun dos recunchos poderase admirar o grande e detallado Nacemento que decora o espazo durante este tempo de Nadal e Reis.

Xoves 3 de xaneiro
17.00h., Nave do mercado
Festa de benvida aos Reis Magos
É sabido que na véspera do Día de Reis, as súas Maxestades andan a mil para poder corresponder con agasallos as peticións de miles de nenas e nenos de todo o mundo. Entre tanto traballo pode ocorrer que haxa algunha equivocación ou que se lles pase algo. Por iso é mellor ter previsión e asegurarse de que, polo menos en Moeche, os Magos do Oriente cumpren como é debido. Por iso este ano imos recibilos dous días antes que no resto de sitios, asegurando desta maneira que boten máis tempo con nós para anotar devagar o que lles teñamos que pedir ou para entregarlles a carta en man.

Pero antes da chegada dos Reis, o Concello e maila ANPA do colexio organizaron unha grande festa de benvida con La GuaGua, na que teremos inchables, música, obradoiros e, para rematar a tarde, un saboroso chocolate con churros.